Resultados da caracterización dos "Bosques mediterráneos de Taxus baccata” da Cordilleira Cantábrica en Castilla y León

A caracterización do Hábitat 9580 * "Bosques Mediterráneos de Taxus Baccata" na Cordilleira Cantábrica de Castilla y León realizouse dende unha perspectiva múltiple de obxectivos, como unha das múltiples accións do proxecto LIFE BACCATA.

O estudo iniciouse cunha busca bibliográfica e unha serie de enquisas para clarificar a distribución da especie no territorio. Posteriormente inventariáronse 55 poboacións representativas en 13 Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e procedeuse ao estudio  das súas características dasométricas, biofísicas, da súa dinámica forestal e ecolóxica, empregando técnicas de mostraxe convencional, Sistemas de Información Xeográfica e o uso e combinación de levantamentos fotogramétricos de alta precisión.

A continuación, realizouse un diagnóstico do estado de conservación e das presións e ameazas existentes para cada un dos rodais analizados. De forma paralela, levantouse unha serie de parcelas de seguimento permanente a medio/longo prazo. Na análise das devanditas parcelas incluíuse un estudo da madureza e naturalidade das formacións estudadas. Para completar o inventario de diversidade biolóxica singular e ameazada dos teixadais castelán leoneses escolléronse varias poboacións co obxecto de inventariar as comunidades de liques e brións, así como a entomofauna asociada a estes rodais de bosque pouco alterados.
Foto 1. Realización dun transecto xunto a unha parcela permanente.








 
Coa información obtida obtivéronse os seguintes resultados:
  • A proposta dunha nova definición do concepto de teixadal para a súa discusión.
  • A definición de indicadores de seguimento de conservación dos teixadais.
  • O establecemento dun conxunto de medidas selvícolas de conservación activa para dirixir, de acordo á Directiva Hábitats, unha boa parte das poboacións inventariadas cara a un Estado de Conservación Favorable a medio prazo.
  •  
A presión herbívora sobre o rexenerado de teixo e a súa flora, a competencia interespecífica con outras especies arbóreas como a faia, a presión humana directa e o cambio climático, son os principais obstáculos para preservar estas poboacións que en conxunto representan unha das manifestacións silvestres do HIC 9580* de maior entidade na Península Ibérica e na Unión Europea.

O proxecto LIFE BACCATA está cofinanciado pola Comisión Europea no marco da Convocatoria LIFE e se desenvolve entre 2016 e 2020 en quince lugares da Rede Natura 2000 da Cordilleira Cantábrica e pertencentes a Galicia, Castilla y León, e País Vasco. Participa como coordinador do proxecto a Universidade de Santiago de Compostela e como socios a Junta de Castilla y León, Cesefor, Fundación Hazi e Grupo TRAGSA.