Progreso dos traballos de plantación no enclave galego de LIFE BACCATA
11-03-2020
Dende o pasado 1 de outubro comezaban os traballos relativos á acción C3 de LIFE BACCATA en Galicia, consistentes nunha plantación forestal con especies características do hábitat 9580*, coa finalidade de aumentar a superficie do mesmo, e en consecuencia conseguir a mellora do seu estado de conservación.
A acción localízase, ao igual que as accións C2 e C5 de LIFE BACCATA en Galicia, no Monte Veciñal en Man Común de Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro, Lugo), dentro da ZEC Os Ancares - O Courel (ES1120001).
Os traballos de reforestación foron levados a cabo por TRAGSA, beneficiario asociado de LIFE BACCATA, empregando as plantas producidas polo IBADER do Campus Terra, socio coordinador do proxecto. A plantación desenvolveuse de xeito manual, coa axuda dun plantamón, nos puntos determinados polo aburatamento mecanizado que fora realizado ao finalizar a acción C2 durante a primavera de 2019. O aburatamento permite dispoñer dun espazo máis axeitado para o desenvolvemento radicular das especies empregadas na repoboación, posibilitando o seu mellor establecemento e reducindo o risco de marras.
A repoboación empregou máis de 12.000 plantas das especies características do hábitat 9580*, que se reparten por especie do seguinte xeito:
Taxus baccata | 3.300 plantas |
Betula pubescens | 3.200 plantas |
Quercus petraea | 2.600 plantas |
Fagus sylvatica | 1.500 plantas |
Sorbus aucuparia | 800 plantas |
Ilex aquifolium | 570 plantas |
Corylus avellana | 156 plantas |
Toda esta planta foi producida por IBADER-USC a partir de material xenético (semente, estaca) de orixe local (do propio MVMC de Riocereixa), garantindo así o emprego de ecotipos compatibles e evitando a contaminación xenética. Na actualidade disponse inda de 3.000 plantas en viveiro, para empregar na posible reposición de marras durante a primavera do ano 2020.
Os traballos de plantación prolongáronse durante todo o mes de outubro de 2019, de xeito que a repoboación quede finalizada antes da primeira nevarada na tempada invernal. A superficie abranguida pola repoboación forestal ascende a 15 ha, nas que se logrou o aumento da superficie ocupada polo hábitat 9580*.