Seminario de networking entre LIFE BACCATA e Sardeña sobre conservación de hábitats forestais

O proxecto LIFE BACCATA persegue a mellora do estado de conservación do hábitat 9580* en 15 ZEC da Cordilleira Cantábrica, actuando sobre os indicadores de estado de conservación do hábitat: área de ocupación, estrutura, funcións e perspectivas futuras. O proxecto executou de forma satisfactoria a súa estratexia de conservación e restauración, xerando un elevado interese noutros actores e entidades da Unión Europea onde os bosques de teixo tamén son un dos elementos singulares da paisaxe, como por exemplo en Sardeña (Italia), onde dende hai varias décadas se realiza unha xestión forestal sostible para garantir a conservación dos hábitats forestais.

Deste modo, o pasado día 6 de xullo celebrábase o Seminario de networking entre LIFE BACCATA e entidades de Sardeña (Italia) sobre a conservación de hábitats forestais, acerca de como xestionalos a curto e medio prazo, en aras de mellorar o seu estado de conservación. O seminario serviu como sistema de intercambio das actuacións de restauración executadas polos socios do proxecto LIFE BACCATA (IBADER, Xunta de Castilla e León, CESEFOR, HAZI e TRAGSA), así como ao importante coñecemento xerado con respecto á conservación dos teixadais do Norte da Península Ibérica, coa Axencia Forestal Rexional de Sardeña (FoReSTAS) representada por Enrico Salaris, e co Centro Conservazione Biodiversitá da Universitá degli Studi di Cagliari, representado por Gianluigi Bacchetta. O seminario permitiu á súa vez a transferencia dos resultados de LIFE BACCATA a outros organismos nacionais e internacionais, e polo tanto a súa aplicación noutros territorios ou situacións, contribuíndo en consecuencia á replicabilidade do proxecto.

O seminario contou con 28 participantes, de administracións competentes en materia Natura 2000 e xestión forestal de España e Portugal, membros de distintas entidades gobernamentais de Sardeña (Italia), ONGs ambientalistas, universidades, centros de investigación, consultarías ambientais e entidades locais. O equipo de LIFE BACCATA quedou moi satisfeito coa participación, estimamos que o evento congregou unha audiencia moi implicada na materia, debido á calidade dos relatores achegados dende Sardeña e do elevado interese da temática a presentar por estes.