Presentación de LIFE BACCATA en Ribadeo (Lugo)

 

O venres 23/03/2018, celebrouse no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo (Lugo) unhas xornadas sobre as Reservas da Biosfera nas que participaron distintos integrantes do Consello Científico e do Consello de Xestores do Comité Español do Programa Home e a Biosfera da UNESCO. As xornadas serviron para amosar os resultados de distintos proxectos levados a cabo nas Reservas da Biosfera Cantabro-Atlánticas e Pirenaicas. A xornada empezou ás 16:30 h. A entrada foi libre, contando cunha significativa representación de público.

Como mostra dos proxectos desenvolvidos no devandito ámbito territorial, o IBADER do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela acudiu a esta cita para presentar os proxectos que se atopa a desenvolver na actualidade: LIFE FLUVIAL (LIFE16 NAT/ES/000771) "Mellora e xestión sostible de corredores fluviais da rexión atlántica ibérica" E proxecto LIFE BACCATA (LIFE15 NAT/ES/000790) "Conservando e restaurando bosques de teixo na Cordilleira Cantábrica",

Javier Ferreiro da Costa procedeu á presentación do proxecto LIFE BACCATA (LIFE15 NAT/ES/000790) "Conservando e restaurando bosques de teixo na Cordilleira Cantábrica", en calidade de xestor técnico do mesmo. O beneficiario coordinador do proxecto é o IBADER do Campus de Lugo da USC, e conta con outros 4 beneficiarios asociados: TRAGSA, Fundación CESEFOR, Junta de Castilla y León e HAZI Fundazioa. O orzamento global son 1.925.104 €, cofinanciado pola Unión Europea nun 75% (1.441.649 €), proporción que supón o máximo que outorga a convocatoria LIFE para aqueles proxectos que son considerados como prioritarios para a súa execución e posta en marcha. A duración do proxecto será de 52 meses, desenvolvéndose dende o 1 de setembro de 2016 ao 31 de decembro de 2020.

 O proxecto LIFE BACCATA posúe como obxectivo a mellora do estado de conservación do tipo de hábitat prioritario 9580* “Bosques mediterráneos de Taxus baccata” en 15 Espazos Protexidos da Rede Natura 2000 da Cordillera Cantábrica, mediante o incremento da súa área de ocupación, a mellora da súa estrutura e funcionalidade, así como das súas perspectivas futuras. O proxecto abrangue igualmente unha serie de medidas de difusión e transferencia dos resultados acadados, así como un programa de información e sensibilización ao público en xeral sobre a importancia do hábitat 9580*, os valores da biodiversidade albergada, e os servizos prestados polos ecosistemas abordados polo proxecto.