Cesefor conclúe as actuacións para a conservación dos teixadais cantábricos en León

Cesefor coa colaboración da Junta de Castilla y León, no marco do proxecto Life Baccata, realizou nos últimos meses unha serie de actuacións para a mellora do estado de conservación dos teixadais cantábricos na provincia de León.

O obxecto das actuacións foi garantir a conservación de tres teixadais dos caracterizados na Zona Especial de Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000 "Sierra de los Ancares", provincia de León nunha superficie de 19,69 ha, mediante a adopción dunha xestión selvícola adaptada que manteña a estrutura e composición dos pequenos rodais ou bosquetes nos que o teixo é dominante ou codominante, favoreza a conservación da fauna espalladora das sementes, e fomente a rexeneración natural, especialmente en zonas situadas entre rodais illados e próximos para diminuír a fragmentación do hábitat.

Estas medidas de conservación activa son froito de traballos previos de caracterización do hábitat e análise dos principais problemas que poñen en risco a súa conservación, realizados por un amplo abano de expertos, que propuxeron as medidas máis adecuadas para conservar e garantir o futuro deste característico hábitat.

Desta forma, os tratamentos selvícolas estiveron destinados á redución da densidade arbórea das especies competidoras co teixo polos recursos. Neste sentido, as actuacións reduciron a competencia pola luz e favoreceron non só o desenvolvemento do teixo, senón tamén a través da apertura de ocos no dosel de copas, a rexeneración tanto deste coma doutras especies de interese (carnabudo, sorba, acivro, etc.).

desbroce_tejedas_2.png
Roza sobre matogueira co obxecto de minimizar o risco de afección por incendios e facilitar o desenvolvemento e expansión dos teixadais e as especies que comparten o seu hábitat executado no marco deste proxecto LIFE.
 
Ademais, tendo en conta que a principal ameaza que presenta a ZEC " Sierra de los Ancares " son os incendios forestais, adoptáronse medidas preventivas consistentes na execución de rozas sobre a matogueira existente sobre 5,3 ha, nas inmediacións dos teixadais, co obxecto de romper a continuidade do combustible e minimizar a súa vulnerabilidade respecto a este factor, ao condicionar a propagación dos incendios forestais.

Proxecto Life Baccata

O teixo vén sufrindo unha serie de ameazas que inflúen directamente na biodiversidade das zonas que ocupa. Estas ameazas fóronse orixinando ao longo dos anos e son de diversa índole: os incendios, as curtas, a construción de infraestruturas, a fragmentación e falta de conexión entre estes espazos naturais ou as repercusións do cambio climático. Individualmente ou de xeito conxunto, estas ameazas puxeron en perigo a supervivencia desta especie, o seu hábitat e a biodiversidade que conteñen; por iso, faise necesario actuar e garantir o seu futuro de xeito sostible.

O proxecto LIFE BACCATA aplicará as medidas de protección e xestión forestal necesarias que promovan a mellora do estado de conservación e restauración do teixo e os teixadais, fomentando a súa rexeneración natural, e o das especies de flora e fauna que os habitan, contribuíndo ademais a frear a perda de biodiversidade.

Este proxecto está cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea, e desenvólvese entre 2016 e 2020 en quince lugares da Rede Natura 2000 da Cordilleira Cantábrica pertencentes a Galicia, Castilla y León e País Vasco. Participa como coordinador do proxecto o IBADER da Universidade de Santiago de Compostela e como socios a Junta de Castilla y León, Cesefor, Hazi e o Grupo Tragsa.